Sempre é un pracer falar con este amigo cheo de vitalidade. O actor valdeorrés cóntame que estes días está rematando de rodar a película ‘Sen embargo quérote‘, dirixida por Jorge Algora e coproducida pola TVG, e na que ten o papel protagonista ó lado de moitos actores novos que comparten rodaxe con figuras consagradas da talla das ourensás Rosa Álvarez e Belén Constenla. E dime, que en canto remate a rodaxe por terras galegas, partirá cara Madrid para meterse de cheo nos ensaios de ‘Sonrisas y Lágrimas‘, un ambicioso musical dirixido por Jaime Azpilicueta, un donostiarra que ten no seu haber os exitosos ‘Jesucristo Superstar’ ou ‘Víctor o Victoria’, entre moitos outros, e que agora se porá á fronte dunha compañía de cen persoas para estrear en Tenerife no mes de decembro este clásico do que todos tarareamos as cancións interpretadas no cine por Julie Andrews e os nenos da familia Trapp.
Christian Escuredo e o resto do elenco chegarán ó Palacio da Ópera da Coruña en xullo do próximo ano despois de percorrer España cun espectáculo para o que se precisan nada menos que 17 escenarios. Non son poucos os musicais nos que se ten enrolado o actor ourensán, dentro e fora de Galicia, sen descuidar a súa faceta de cantante solista durante a que viron a luz dous discos producidos por Felix Cebreiro e Chema Purón, responsable éste último da carreira da eurovisiva Lucía Pérez, quen recentemente estivo en Ourense actuando no aniversario dun importante centro comercial.
E moi ligado tamén á nosa provincia estivo o papel que Christian encarnou na película ‘Barreiros, motor humano’, no que representaba a etapa de mozo aventureiro do que logo sería o gran empresario do sector automobilístico Eduardo Barreiros.
Opinión de X. M. Piñeiro en LA REGIÓN – «CHRISTIAN ESCUREDO»