Estrea do filme "Assalto ao Santa María" de F. Manso

No Teatro Sa de Miranda, en Viana do Castelo, abriuse o pano para a presentación mundial da película Assalto ao Santa Maria. Á estrea asistiron unha ampla representación do equipo técnico e artístico da produción cinematográfica, encabezados polo seu director, Francisco Manso, os actores portugueses Pedro Cunha, Leonor Seixas, Vítor Norte e os galegos Miguel Borines, Roberto Leal, Christian Escuredo e máis Alfonso Agra.
A historia do Santa María sérvelle ao director para recrear no cinema o primeiro golpe que tiveron que soportar os réximes de Franco, en España e Salazar, en Portugal. Un grupo de guerrilleiros antifascistas abordou o trasatlántico no Mar Caribe no 1961 coa intención de desestabilizar as ditaduras. A noticia correu como a pólvora e o propio presidente dos Estados Unidos, John F. Kennedy, compareceu ante a prensa para informar sobre o barco e a posibilidade de enviar a IV Flota para reducir a posible rebelión.
Manso recolleu os datos históricos e fixo unha recreación coa pretensión de ir máis alá do documental, pois esta historia xa foi contada dentro dese xénero, no Santa Liberdade de Margarita Ledo.
O actor galego Miguel Borines, que interpreta ao dirixente do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), Velo Mosquera, afirma que a cinta está feita dende unha perspectiva portuguesa pero recoñece: “que supón unha oportunidade inmellorable de achegarse a historia recente dos dous países.” Borines empapouse do personaxe que lle tocou interpretar e non dubida en cualificar a Velo Mosquera de “humanista e revolucionario”. Para o actor é “un reto interpretar a unha figura histórica tan recente e ao mesmo tempo tiven unha sensación rara, porque os parentes de Velo Mosquera, son meus veciños e isto é realmente curioso”.

MEMORIA RECENTE
Outro dos referentes galegos na cinta é o actor Alfonso Agra, que interpreta a Sotomayor, un vello mariño español de temperamento tenaz e frío que coñece a un dos líderes da operación de abordaxe e convértese no comandante operacional que permite alcanzar ao buque. Para o actor foi unha grande sorpresa porque “os feitos que conta a película son moi importantes”. Acórdase de ver o Santa María no porto de Vigo e chamáballe a atención “o seu tamaño”. Agra non se esquece do trato dos portugueses e de todo o equipo, que os trataron con moita humanidade. Na película debuta o actor, Christian Escuredo, que interpreta ao fillo de Mosquera é segue ao seu pai na aventura desestabilizadora. O actor galego fíxase na protagonista, Leonor Seixas, pero ela namora de Pedro Cunha. A historia de amor serve de contrapunto o filme é humaniza a historia. Miguel Borines cualifica de acertada a introdución da ficción “porque nas grandes historias revolucionarias latexan historias máis humanas”. Assalto ao Santa María conta coa participación da TVG é distribuirase nos cinemas de todo o país.

Esta entrada fue publicada en General. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *